UNHA HISTORIA QUE VEN DE LONXE...

 

A Taberna A'DE LINO foi inaugurada como tal na noite de San Xoán do ano 1996. Pero a súa historia remóntase moito máis no tempo, ó longo de toda ela fóronse desenvolvendo todas esas pequenas anécdotas "culpables" do peculiar carácter deste local, hoxe de encontro e diversión para multitude de persoas que en común teñen o interese polo popular e o gusto pola cociña tradicional.

 

A raíz dunha conversación co seu avó Adelino Faria Garrido, Lino Fervenza decide transformar unha vella edificación situada na Fraga, no municipio de Moaña, antigamente utilizada polos seus antepasados como cortello para os animais, alboio para os útiles de labranza e lugar onde elaborar o viño no que os veciños cumprían o vello costume de reunirse arredor do cañeiro, nunha taberna que ó mesmo tempo servise como testemuño dunhas costumes -aquelas que tradicionalmente caracterizaran a vida das xentes do medio rural galego- xa desaparecidas e practicamente condenadas a desaparecer no esquezo.

 

Así emprende a restauración non só do centenario quinteiro, senón tamén de todos os útiles de labranza, o hórreo, o pozo, a artesa, o lagar onde se fabricaba o viño... todos eles destinados a formar parte da decoración da futura taberna e que hoxe podemos admirar mergullados nunha atmósfera que nos sitúa de cheo nas historias que tantas veces nos teñen contado os nosos avós.

 

 

Hoxe en día, a Taberna A´DE LINO, constitúe toda unha referencia na Península do Morrazo como exemplo de fusión entre a iniciativa empresarial e a recuperación da memoria histórica dado o seu talante de "pequeno museo" etnográfico. Alí podemos gozar tanto dunha boa comida como da mellor música tradicional en vivo e unirnos ós coros que arredor dunha botella de viño ou unha queimada entoan cancións populares ata altas horas da madrugada.

 

 

 

Non debemos pasar por alto o seu enclave privilexiado que a sitúa no mesmo centro da Ecorruta do Morrazo que, partindo do lago Castiñeiras, percorre lugares de interese dos municipios de Marín, Bueu, Cangas e Moaña (así, a mámoa de Chan da Arquiña ou a Ruta do "Río da Fraga") e tampouco a proximidade de numerosas praias da península do Morrazo (A Xunqueira, Rodeira, Nerga, Cabo Home, Aguete ou Lapamán) e do campo de golf "Ría de Vigo" que fan da Taberna A´DE LINO o lugar idóneo onde facer un alto no camiño e recuperar forzas para proseguir coa nosa excursión.

.