Ruta do Río da Fraga

A escasos metros da Taberna A'DE LINO atópase o leito do Río da Fraga, un dos máis caudalosos do Concello de Moaña e que, ó longo do tempo, resultou imprescindible para a economía e subsistencia dos habitantes da zona; pois ademais de garantir o rego dos campos de labranza situados nas marxes, a forza das súas augas provía ós numerosos muíños distribuídos ó longo da súa canle da enerxía necesaria para moer o gran do millo e producir a fariña destinada á fabricación do pan. Recentemente procedeuse á recuperación destes muíños someténdoos a unha rigorosa restauración e creando unha ruta de sendeirismo coñecida como Ruta do Río da Fraga que se estende paralelamente ó Río da Fraga, trazando un percorrido máis que atractivo tanto para amantes da natureza como para as mentes curiosas pola historia e a etnoloxía.

 

Miradoiro da Fraga

Dende o Miradoiro da Fraga poderemos observar, sen lugar a dúbidas, unha das mellores vistas que da Ría de Vigo se nos pode ofrecer. A súa situación privilexiada, nun dos puntos máis elevados de Moaña, permítenos dominar unha panorámica que se estende ó longo do frondoso val do Río da Fraga ata a súa desembocadura na praia da Xunqueira, xa convertido no Río dos Ladróns. Máis aló veremos o mar da ría, para perderse a nosa mirada tralos montes que flanquean Vigo, cidade que ó caer a noite, descóbresenos baixo un espectáculo de luces que a calquera amante da fotografía lle gustaría captar. En resumidas contas, un lugar idóneo para alimentar a vista e ir "abrindo boca" antes de entrar na Taberna A´DE LINO, situada a cen metros escasos do miradoiro.

 

Praia da Xunqueira

Situada entre o casco urbano de Moaña e a illa de Samertolameu, a praia da Xunqueira constitúe o lugar perfecto para gozar das xornadas do verán en familia, pois a escasa profundidade das súas augas e a suave transición das súas mareas representan toda unha garantía para a seguridade dos máis pequenos, sen esquecernos, claro está, doutros atractivos tales coma a pintoresca paisaxe que os seus numerosos areeiros nos ofrecen na baixamar.

 

Igrexa de San Martiño (s.XII)

 A igrexa de San Martiño do século XII, situada na parroquia á que dá nome, é un dos máximos expoñentes da arquitectura do Románico en Galicia. Así o constatan a súa impresionante fachada e o seu marabilloso campanario. Tamén son dignas de mención as festas que en honor do santo se celebran durante os días 10, 11 e 12 de novembro, momento que os veciños aproveitan para probar o viño novo acompañado de castañas nos numerosos furanchos abertos para a ocasión nos arredores da igrexa.